Impartido polo enxeñeiro técnicos industrial José Miguel Méndez Sachocos, director de Zencia, celebrarase dende o luns 16 até o venres día 20, de 16,30 a 21,30 da tarde
Constitúen unha ferramenta imprescindible nunha ampla variedade de máquinas ou artefactos de uso cotián, tanto nos procesos produtivos como nas instalacións accesorias da edificación ou nos servizos
A Coruña, 13 de novembro de 2009.- Dende a súa aparición hai corenta anos, os autómatas programables ou PLC’S, constitúen unha ferramenta imprescindible para a enxeñería. A constante evolución da maquinaria aconsella que os técnicos que manexan estes instrumentos dispoñan dos coñecementos máis axeitados e actualizados posibles para poder manter, reformar e crear programas de PLC’S adecuados ás necesidades que se presentan decote.
Velaí a razón de que Coeticor programara un curso, de cinco días de duración (25 horas), que dará comezo o luns 16 de novembro e se prolongará até o venres, día 20, entre as 16,30 e as 21,30 da noite. Vai ter lugar na sede do Instituto Tecnolóxico Empresarial de Caixa Galicia.
O curso “Autómatas Programables” pretende que o alumno acade o dominio de operacións básicas que o autómata pode procesar, as linguaxes de programación, os sinais analóxicos, a programación lineal e estruturada e todos os conceptos elementais para automatizar aplicacións sinxelas.
Impartido polo director de Zencia, José Miguel Méndez Sachocos, repasará os conceptos máis relevantes da automatización industrial e as súas tecnoloxías, presentando os distintos sensores e actuadores para comprender o funcionamento e mais a estrutura dos PLC’S sobre a base das necesidades formuladas polos sistemas que teñamos que automatizar. |