A Coruña, a 9 de xaneiro de 2008.- Contundente voz de alarma dos instaladores da Tarifa Nocturna aos usuarios de calefacción por acumulación. Un sistema cos días contados cuxa desaparición atenta contra os petos de moitos consumidores. Un millón e medio de fogares españois, cuxo perfil maioritario é o dunha unidade familiar de baixo poder adquisitivo, utilizan nestes momentos este sistema.
As novos tarifas aprobadas polo Goberno castigan a estes consumidores e mesmo as empresas instaladoras creadas ao amparo da Tarifa Nocturna corren, segundo autoconfesan, serio perigo de desaparición. Coa aplicación das novas tarifas, a un de xullo do 2008, os afectados veranse obrigados a pasarse á nova discriminación horaria en condicións moi desfavorables. Ademais, xa están sendo obrigados polas súas compañías a contratar a máxima potencia demandada, xa sexa en val ou en punta, o que incrementa ademais do custo mensual o abono adicional, nun só pago, da cota de
acceso (18,81 euros).
A maiores, o considerable incremento do diferencial do prezo do quilowatt en val fronte ao da tarifa xeral (un 35% fronte ao 3% que se abonaba ata agora). Posto en números, unha familia media verá incrementarse o custo da súa potencia contratada nun 85%, e o prezo anual da súa factura eléctrica nun 47%, respecto aos prezos fixados no ano 2006.